Sunday 28 de April de 2024

A alcaldesa, Inés Rey, recibe a 30 refuxiados ucraínos procedentes de Polonia


A alcaldesa Inés Rey recibiu esta tarde ás 15 mulleres e 15 menores que chegaron á cidade procedentes de Polonia tras a expedición humanitaria posta en marcha pola Policía Local e os Bombeiros da cidade. A rexedora felicitou aos Bombeiros e á Policía Local polo éxito da iniciativa e deulle a benvida a todas as persoas refuxiadas que se incorporarán desde hoxe mesmo a diferentes familias de acollida. Rey lembrou que esta mesma semana entrará en funcionamento a Oficina de Atención aos Refuxiados Ucraínos e que o Concello habilitou axudas de emerxencia para atender aos refuxiados da guerra de Ucraína que cheguen á cidade ata que obteñan a condición de refuxiados.

“É un orgullo que a cidade amose a súa solidariedade. Quero agradecer tamén á Cruz Vermella, Accem e AGA Ucraína todo o traballo que están levando a cabo, que fixo posible que hoxe cheguen os primeiros refuxiados á Coruña”, sinalou Inés Rey. “A cidade está dando resposta con toda a súa maquinaria municipal, cos nosos recursos, os das asociacións e os das coruñesas e coruñeses, que amosan o seu espírito”, agregou a alcaldesa da Coruña.